viernes, 24 de mayo de 2013

Unha simple, logo.

Cando miña mai era pequena, solo había dúas televisións na aldea. A primeira taba no bar, pero ése non era sitio para pícaros así que miña mai non puido vela ata que a comprou Lula.
Á súa tía María gustáballe moito, sobre todo polas películas de vaqueros, pero en canto Lula notaba que se iba sentar a vela botábaa da casa, mandándolle subir sachar á horta ou poñerse a traballar no que fose.
De vez en cando, ó salir da casa, María vía a miña mai, que a esperaba sin esperar, a outra cousa, coma un gato ó sol. E ó vela María alegrábase e sorría nerviosa e brillábanlle os ollos, e asentía coa cabeza tratando de disimular, e entonces miña mai corría casa por casa invitando a tódolos pícaros a ir ve-la televisión.
Dez minutos despois subía unha ruidosa marea de críos que lle entraban na casa a Lula desbordando polas ventás e inundándoo todo, e detrás chegaba María poñendo cara de inocencia. Despois de regañarlles un pouquiño, sentábaos a todos, mandáballes estar calados, e pechaba as ventás e as contras para estar coma nun cine.
María sabía, creo, que non engañaba a naide, e despois habíalle caer unha boa da súa sobriña. Pero de momento, vía a película de vaqueros rodeada dos pícaros da aldea, ás oscuras e coas ventás pechadas, aínda que lle acababa mandando a alguén abrir unha para que entrase o aire, cando o olor a pólvora a molestaba demasiado.

No hay comentarios: